Thursday 28 de March de 2024

A Xunta destinou máis de 349.000€ a 47 restaurantes e cafeterías da Comarca do Barbanza para facilitar o acondicionamento de terrazas e as vendas a domicilio ou para levar


O Goberno galego aportou 11M€ á dotación da liña para adaptar os espazos exteriores e adquirir materiais de empaquetado de comidas e bebidas

O programa incluíu anticipos da metade do importe que acada o 80% dos investimentos, ata o máximo de 20.000 euros

Porto do Son (A Coruña), 30 de abril de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá, Casa do Tella un dos establecementos beneficiado pola orde de axudas dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para facilitar a súa actividade e que sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a covid-19. Con este plan buscouse asegurar a cobertura do maior número posible de investimentos que están a realizar os establecementos no acondicionamento dos espazos exteriores e na posta en marcha do servizo de vendas a domicilio ou para levar.

Tal e como subliñou o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, na comarca do Barbanza concedéronse 47 axudas por un importe de máis de 349.000 euros, dunha convocatoria que cubriu o 80% do investimento. En Galicia o goberno galego aportou 11 millóns de euros para esta orde de axudas.

O programa ofreceu apoios directos a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Ademais, incluíu a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados.

Entre as características das solicitudes de apoios presentadas, destacou a dimensión dos proxectos de adecuación dos exteriores, xa que unha parte importante dos restaurantes e cafeterías solicitantes acometeron reformas substanciais nesa parte dos seus locais. As axudas facilitadas polo programa puideron destinarse a cubrir os gastos e investimentos realizados para instalar pechamentos estables ou elementos desmontables que sirvan de illamento ou protección, renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e aparatos calefactores nas terrazas, así como de mellora da fachada exterior dos establecementos.

En canto aos apoios destinados a sufragar os gastos de adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, é de salientar a gran cantidade de solicitudes presentadas, o que indica que unha parte relevante dos establecementos hostaleiros da Comunidade incorporaron ou reforzaron este servizo entre as súas actividades.